Tuesday 07 de May de 2024

A segunda carreira popular “Pilar Barreiro Senra” do Concello de Lousame márcase como obxectivo superar os 500 participantes


A proba disputarase o domingo 17 de abril e o prazo de inscrición estará aberto ata o 12 de abril a través da web www.emesports.es

Superar os 500 participantes. Este é o obxectivo que hoxe se puxo o Concello de Lousame para a II carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, que esta tarde foi presentada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a madriña da proba, a recoñecida atleta local Pilar Barreiro Senra. Un acto no que estiveron acompañados pola concelleira de Deportes, María Regenjo; Ezequiel Mosquera, representante de EME Sports; os atletas locais Fernando Pérez “Dete” e Marcos Mayo; así como polos técnicos de Deportes, Néstor Romero e Germán Romero.

Teresa Villaverde apunto o esforzo que para un concello pequeno como Lousame supón organizar unha proba deste calado pero indicou que “hai que fomentar que a xente participe, que practique deporte e corra non por cartos senón por gozar da carreira en compaña doutra xente”. Por iso, animou a todos os afeccionados ao deporte “a vir a carreira, gozar de Lousame, coñecer a nosa paisaxe e pasalo moi ben todos xuntos”.

Pilar Barreiro

A madriña da proba, Pilar Barreiro, confirmou que “polos comentarios e o ambiente que se escoitou o ano pasado, a xente quedou encantada e moitos van repetir. O listón quedou moi alto”. Para Barreiro, esta carreira é moi interesante pois “vén xente a probarse a si mesma. É un percorrido que se pode disfrutar e, ao ser de ida e volta, permite ver moi ben o tempo no que vas”. O que non confirmou é se este ano correría ou non a proba pois “empecei a adestrar onte coas miñas fillas, que comezan a facer atletismo, pero non estou segura de que me dea tempo”. En todo caso, indicou que para o ano de seguro que participaría.

Quen si participarán serán Fernando Pérez “Dete” e Marcos Mayo, que salientou que “o importante non é facer unha carreira, senón mantela. O listón quedou moi alto o ano pasado, pois a nivel organizativo foi do melloriño en todo tipo de detalles”. Así mesmo, chamou a atención sobre os logros obtidos por Pilar Barreiro: “que despois de tantos anos, con todas as modernidades que hai hoxe en día no deporte, siga mantendo o récord galego dos 800 metros é impresionante”. Un punto sobre o que incidiu Fernando Pérez, que apuntou que “a xente non sabe o que costa chegar a esas marcas, moitas veces só con esforzo e ilusión”. No seu caso persoal, apuntou que “este ano virei disfrutar da proba, despois dunha temporada moi dura non quero forzar”.

Finalmente, Ezequiel Mosquera, quen lembrou que se iniciara no mundo das carreiras o ano pasado en Lousame, indicou que esta proba “é unha carreira propicia para os que se inician e, ademais, está moi coidada polo que a xente non marcha só contenta, marcha flipada”.

Características da proba

A segunda carreira popular “Pilar Barreiro Senra” terá lugar o domingo 17 de abril, sobre unha superficie de 10 quilómetros na súa categoría absoluta, puntuable para o circuíto Correr en Galicia. Terá saída e meta nas inmediacións da praza de Teodomiro Hidalgo e o prazo de inscrición estará aberto ata o martes 12 de abril a través da páxina web www.emesports.es.

As anotacións nas probas escolares (menores de 11 anos) son totalmente gratuítas: pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes. Os demais atletas (xuvenís, júniors, promesas, sénior e veteranos) terán que aboar unha cota de inscrición que variará segundo a data na que se inscriban. Así, os que se anoten antes do luns 4 de abril aboarán o mesmo prezo co ano pasado: 6 euros. Aquelas inscricións que se fagan entre o 5 de abril e o 8 de abril custarán 8 euros e as que se realicen do 8 de abril ata o 12 de abril serán de 10 euros. En todos os casos, tanto nas probas gratuítas coma na carreira absoluta, a inscrición dá dereito a seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes, avituallamentos e outros servizos como vestiarios, duchas e agasallos conmemorativos.

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías pitufo, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros tres trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta. Os premios non serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.

A recollida de dorsais da I Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” terá lugar a partir das 9:00 horas do domingo 17 de abril na praza Teodomiro Hidalgo. Ademais de polo dorsal, todos os participantes, dende a categoría infantil en adiante, estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída. O feito de non levalos dará lugar á descalificación do corredor.

Os horarios cambiarán con respecto ao ano anterior. Así, as probas escolares darán comezo ás 10:30 horas coa categoría Benxamín/Alevín, que percorrerán unha distancia de 1.000 metros. Ás 10:45 horas, será a queda dos Infantís/Cadetes, cunha distancia de tres quilómetros. A proba xeral sairá ás 11:30 horas, deixando tempo para celebrar as probas dos pitufos (75 metros ás 11:40 horas) e prebenxamíns (150 metros ás 11:45 horas) e que así non teñan que madrugar tanto como o ano pasado. Os premios serán entregados ás 13:30 horas na praza Teodomiro Hidalgo.

A II Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” está organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña; así como co patrocinio de Autos Patiño e Plus Ultra Seguros.